A Asociación Cultural Huhú pecha este sábado a exposición “BIS/BARRA: Na parede está todo”

A Asociación Cultural Huhú porá fin este sábado 21 de febreiro á exposición “BIS/BARRA: Na parede está todo” cun acto de clausura aberto a todas as persoas interesadas na vida cultural da comarca de Sarria. A cita terá lugar a partir das 12:30 horas en A Sede – NDAC, onde se desenvolverá unha sesión vermú acompañada de música en directo.
A mostra reuniu unha ampla e diversa colección de traballos visuais creados desde o territorio máis próximo, combinando pezas e rexistros moi variados que permiten descubrir conexións, perspectivas e formas de expresión que forman parte da identidade cultural da contorna. “BIS/BARRA” converteuse así nun escaparate da creatividade local, facendo visibles olladas que acompañan e definen á comunidade.
O acto de despedida contará coa actuación da Banda de Música da Comarca de Sarria, que amenizará a sesión vermú nun ambiente festivo co que se pretende celebrar o peche da exposición. Ademais, durante a xornada producirase a estrea do novo canón de aire quente da entidade organizadora.
A clausura será tamén a última oportunidade para visitar a mostra completa e facelo na compaña de moitas das autoras que fixeron posible o proxecto, nun encontro que busca reforzar os vínculos entre creadoras, público e tecido cultural da comarca.