A Asociación Cultural Huhú pecha por todo o alto a exposición “BIS/BARRA: Na parede está todo”

SarriaXa
A mostra reuniu máis de cen obras de artistas da comarca e recibiu arredor de 700 visitantes ao longo de tres meses
Banda-de-Música-da-Comarca-de-Sarria-na-Sede-Huhu
23 Feb 2026

A Asociación Cultural Huhú celebrou cunha festa de clausura da exposición central do terceiro bloque da Trienal, titulada 'BIS/BARRA: Na parede está todo', que permaneceu na Sede durante tres meses e que se converteu nun punto de encontro para a creación artística da comarca.

A mostra reuniu unha ampla e variada colección de traballos visuais asinados por artistas da contorna, combinando pezas e rexistros moi diversos que permitiron descubrir vínculos, novas perspectivas e distintas formas de expresión que forman parte da identidade cultural do territorio. A exposición arrancou con 80 obras penduradas nas paredes, pero foi medrando co paso das semanas ata superar o cento de creacións, integrando novas pezas como unha proposta viva e en constante evolución.

A xornada de clausura incluíu unha sesión vermú na que participaron as persoas artistas implicadas na mostra e que contou coa actuación da Banda de Música da Comarca de Sarria, que engadiu unha dimensión sonora ao espazo expositivo. Alba López, integrante da directiva da asociación, salientou que non querían limitarse unicamente á vertente plástica e visual, senón incorporar tamén a música como outra forma de arte, definindo o acto como “ben bonito”.

Durante o tempo que permaneceu aberta, arredor de 700 persoas visitaron a exposición, tanto público xeral como alumnado de distintos centros educativos, unha cifra que a entidade valora de maneira moi positiva. Segundo destacou López, iniciativas como esta contribúen a achegar a arte á veciñanza e a poñer en valor o talento local, demostrando que hai creadoras e creadores en Sarria e que a arte non é algo alleo nin distante, senón propio e próximo.

Desde a organización agradeceron a implicación das persoas artistas participantes, do público que se achegou a desfrutar da proposta e do Concello de Sarria polo apoio prestado para facer posible a exposición.

Con respecto ao futuro, adiantan que este peche non significa o fin da actividade, senón que A Sede acollerá outras iniciativas, como obradoiros, presentacións... e, ademais, en xuño inaugurarase unha exposición intermedia entre bloques moi interesante, como foi a de 'Cobras' do ano pasado.

0.065207958221436