A Asociación Cultural Huhú presentou o número 9 da revista Macheta en Sarria

A Asociación Cultural Huhú de Sarria presentou o número 9 da súa revista Macheta nun acto que contou coa presenza de decenas de persoas.
A cita, celebrada na Sede, coñecida como capital cultural da Feculera, converteuse nun encontro cheo de artistas, amizades e público, consolidando un proxecto que a veciñanza cualificou como “ilusionante” e “moi ben acollido”.
Durante a presentación, resaltouse o labor da asociación por rescatar do esquecemento esta antiga publicación, recuperándoa como un símbolo da memoria cultural sarriá.
Cada páxina desta nova edición foi deseñada por unha persoa vinculada á arte moderna ou á vida cultural local, o que deu como resultado un proxecto ilustrado e cooperativo que puxo en valor a creatividade da vila.
O evento contou ademais coa música en directo do Dj Playlisto, que animou a xornada cos coñecidos “temazos” da Feculera Mix, así como cun espazo para o fanzine e unha cantina con queixo e bebidas para os asistentes, creando un ambiente festivo arredor da cultura.