A Asociación Cultural Meigas e Trasgos levará a cabo un irmandamento galego-andaluz en Guadalcacín

Este sábado, 11 de abril, a Asociación Cultural Meigas e Trasgos de Sarria irmandarase co Centro de Baile Guadalcacín, en Jerez, co obxectivo de fortalecer os vínculos culturais a través da música, o baile e as tradicións populares.
O acto terá lugar ás 13.00 horas na Praza da Artesanía de Guadalcacín e ás 19.00 horas será na Plaza de Banco de Jerez de la Frontera.
Durante a xornada, os participantes compartirán costumes, expresións artísticas e elementos propios das súas respectivas culturas, nunha actividade concibida para poñer en valor tanto as diferenzas como os puntos en común entre Galicia e Andalucía e promover o coñecemento mutuo e a cooperación cultural.
Así, a iniciativa pretende converterse nun espazo de encontro entre dúas comunidades cunha marcada identidade folclórica.