A Asociación Cultural Peleriños abre 2026 cun obradoiro de toque de pandeiro cadrado en Sarria

SarriaXa
A actividade celebrarase o 18 de xaneiro na Casa da Cultura e estará impartida por Roberto Rodríguez Páramo
construción-dun-pandeiro-cadrado-Peleriños-Sarria
12 Jan 2026

A Asociación Cultural Peleriños dará comezo á súa programación de 2026 coa organización dun obradoiro dedicado á iniciación no toque do pandeiro cadrado, unha proposta coa que continúa a súa aposta pola difusión da música tradicional. A actividade terá lugar o 18 de xaneiro ás 17.00 horas na Casa da Cultura de Sarria e estará guiada polo músico Roberto Rodríguez Páramo.

Este novo obradoiro dá continuidade ao traballo desenvolvido pola entidade no mes de decembro, cando se levou a cabo unha actividade centrada na construción do pandeiro cadrado, permitindo agora ás persoas participantes avanzar no coñecemento e na práctica deste instrumento tradicional. A iniciativa busca achegar tanto a socias como a persoas interesadas en xeral ás técnicas básicas de interpretación.

A participación no obradoiro terá un custo de 5 euros para as persoas socias da asociación e de 15 euros para as non socias. Desde a Asociación Cultural Peleriños animan á veciñanza a sumarse a esta proposta, pensada para fomentar a aprendizaxe, a convivencia e a posta en valor da tradición musical galega.

⚙ Configurar cookies
0.078058004379272