A asociación cultural Peleriños abre o prazo para novas matrículas
Peleriños do concello de Sarria iniciará en outubro as súas aulas para tódalas idades nas que se impartirán clases de gaita, percusión, canto e baile tradicional.
As aulas para adultos terán lugar os días martes, venres e sábado. Os martes haberá clases de canto e pandeireta ás 20.30 horas, os venres sesión de baile a partir das 20.00 horas e o sábado será a quenda das clases de gaita e percusión ás 18.30 horas.
Con respecto ás aulas infantís, os venres haberá gaita, percusión ou baile. Pódense consultar os horarios en función da idade do neno ou nena.
Para formalizar a matrícula ou solicitar calquera tipo de información, pódese facer sen compromiso no teléfono 693 299 292. Atenden chamadas en horario de tarde pero teñen dispoñible durante todo o día o whatsapp para os interesados.
As clases darán comezo a segunda quincena de outubro. Peleriños ofrece aulas para tódalas idades e niveis, adaptándose ao ritmo dos alumnos e co único obxectivo de aprender e pasalo moi ben.
A ASOCIACIÓN
A Asociación Cultural Peleriños, tomou o seu nome do carácter xacobeo da localidade de Sarria. Máis de vinte cinco anos despois da súa fundación, o colectivo é un dos referentes na divulgación do folclore tradicional galego. Conta con máis de 250 socios e preto de 90 compoñentes nas escolas de música e baile, o colectivo mantén intacta a ilusión e presume de ser unha gran familia encabezada por Pura García, a súa fundadora.