A Asociación Cultural Peleriños organiza un obradoiro de Nadal para construír pandeiros en Sarria

SarriaXa
O curso, impartido por Xosé Maceda, permitirá a maiores e pequenos crear o seu propio instrumento e aprender a tocalo
Casa-da-Cultura-de-Sarria
20 Nov 2025

A Asociación Cultural Peleriños de Sarria celebrará o vindeiro 21 de decembro, ás 16.30 horas, un obradoiro de Nadal na Casa da Cultura destinado á elaboración dun pandeiro cadrado, impartido por Xosé Maceda.

A iniciativa está aberta a calquera persoa interesada, incluídos nenos e nenas que acudan acompañados dunha persoa adulta, e terá unha duración aproximada de tres horas.

Durante o obradoiro, os participantes poderán construír un pandeiro tradicional de pel, nun curso interactivo no que irán adquirindo os coñecementos a medida que poñen en práctica cada paso. Todos os materiais están incluídos e, ao rematar, os asistentes poderán levar o seu pandeiro a casa.

O custo para os socios da asociación será de 75 euros, mentres que para os non socios ascenderá a 90 euros. Este prezo inclúe tamén un curso para aprender a tocar o pandeiro no próximo trimestre. A actividade conta coa colaboración do Concello de Sarria e coa participación de Xose Maceda, que compartirá o seu coñecemento sobre a fabricación e o manexo do instrumento.

⚙ Configurar cookies
0.067013025283813