A Asociación Cultural Val de Láncara agradece "o traballo e o legado" que deixa Carlos de Neira

SarriaXa
"A veciñanza de Láncara, especialmente a máis nova, está agradecida polo traballo e dedicación de Carlos, quen, con xenerosidade e esforzo, se entregou á mellora da súa terra", destacan
Carlos-de-Neira-en-Láncara
13 Feb 2025

A Asociación Cultural Val de Láncara quixo manifestar o seu profundo cariño e recoñecemento a Carlos de Neira tras o seu recente falecemento.

A entidade lembra a Carlos como unha das persoas fundamentais na súa fundación da entidade, xa que a súa visión e compromiso foron clave para que a Asociación creara un espazo onde a veciñanza se puidese xuntar e desfrutar de actividades culturais e sociais.

Ao longo destas tres décadas de actividade, a Asociación Val de Láncara, grazas ao impulso de persoas como Carlos, trouxo á zona figuras ilustres da cultura galega, "que contribuiron a mellorar e enriquecer a identidade do noso país" e "tamén se encargaron de recuperar e dar visibilidade a tradicións e festas que, nalgún momento, caeron no esquecemento", lembran.

Un dos logros máis significativos da Asociación foi a creación dunha área recreativa, un espazo que hoxe é desfrutado por moitos habitantes de Láncara e visitantes. "A mocidade, en particular, valora enormemente todo o que se logrou e quere manter viva a ilusión coa que Carlos e outros fundadores iniciaron este proxecto", sosteñen.

"A veciñanza de Láncara, especialmente a máis nova, non pode senón estar agradecida polo traballo e dedicación de Carlos, quen, con xenerosidade e esforzo, se entregou á mellora da súa terra. Sen o seu compromiso, a Asociación Cultural Val de Láncara non sería a mesma. A súa actitude aberta e o seu desinterese son un referente para todos", destacan.

Desde a Asociación Cultural Val de Láncara agradecen a Carlos o seu traballo, o seu legado e a súa contribución ao 'Facer País'. "A súa memoria quedará no corazón da comunidade, e a terra será leve para el, sempre", concluíron.

0.092143058776855