A Asociación Cultural Val de Láncara distingue a María Rodríguez Vázquez co Premio Ramón Piñeiro “Facer País”

SarriaXa
A intérprete será homenaxeada o 29 de novembro nun acto que combinará memoria, cultura e recoñecemento ao legado galeguista
Maria-Rodriguez-Vazquez-actriz
6 Nov 2025

Láncara acollerá o vindeiro 29 de novembro unha nova edición do Premio Ramón Piñeiro López “Facer País”, organizado pola Asociación Cultural Val de Láncara e que nesta ocasión distinguirá á actriz María Rodríguez Vázquez. A celebración incluirá actos culturais, intervencións literarias e unha ofrenda floral ao pensador galeguista Ramón Piñeiro.

A xornada comezará ás 12:00 horas na Casa do Concello da Pobra de San Xiao, onde a homenaxeada asinará no Libro de Honra e haberá intervencións institucionais. Ás 13:00 horas, a actividade trasladarase á Ponte Romana de Carracedo cun recital de Xurxo Rodríguez e música tradicional da A.C. Val de Láncara.

O acto central desenvolverase ás 13:30 horas na antiga casa consistorial de Carracedo, coa entrega oficial do galardón e intervencións de Manuel Vázquez, Iolanda Díaz Gallego, María Rodríguez Vázquez e Marta Horbán. Ademais realizarase unha ofrenda floral en lembranza de Ramón Piñeiro, figura clave do pensamento galeguista.

Para pechar, ás 14:30 horas celebrarase unha comida no mesmo espazo con reserva previa. O premio, que celebra a súa vixésimo terceira edición, recoñece a persoas e entidades que contribúen á defensa e proxección da lingua, cultura e valores cívicos de Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.067126035690308