A Asociación de Amigos do Camiño de Santiago na Comarca de Sarria apoia o proxecto 'Unha vida para Mateo'

A Asociación de Amigos do Camiño de Santiago na Comarca de Sarria recibiu a visita do sevillano Alfonso Mora, coñecido como Fonzo Mora, quen peregrinou desde Saint Jean Pied de Port ata Compostela, pasando por Sarria, cun obxectivo moi especial: dar visibilidade ao proxecto solidario 'Unha vida para Mateo'.
Mateo é un neno de tan só cinco anos que padece unha enfermidade ultrarara provocada por dúas mutacións no xene NEK8, unha patoloxía practicamente descoñecida, sen estudos nin cura, que causa fibrose en múltiples órganos. No seu caso, os máis afectados son o corazón, os riles e o fígado. Actualmente, Mateo xa foi transplantado de ril e fígado, pero lamentablemente o seu corazón comezou a fallar.
O obxectivo da iniciativa é recadar fondos para impulsar a investigación sobre esta enfermidade tan pouco común, que só afecta a cinco persoas en todo o mundo.
Desde a Asociación de Amigos do Camiño de Santiago na Comarca de Sarria súmanse a este chamamento solidario, agradecendo o xesto de Fonzo Mora e de todas as persoas que, co seu esforzo e compromiso, contribúen a que este tipo de doenzas esquecidas poidan ser investigadas e tratadas.