A Asociación de Comerciantes de Sarria promove o comercio local por San Valentín
A Asociación de Comerciantes, Empresarios, Profesionais e Autónomos de Sarria (ACES)- CCU desenrola dende hoxe, martes día 1 de febreiro, ata o día dos namorados, a campaña promocional “Celebremos o Amor”.
Todos os clientes dos establecementos asociados da vila de Sarria que realicen algunha compra no período da promoción, poderán gañar unha cea romántica para dúas persoas. Sorteanse catro ceas para dúas persoas en establecementos de hostalaría asociados (Cafetería El Parisien, Hotel Alfonso IX, Restaurante O´Descanso e Restaurante Roma).
As persoas gañadoras das ceas sorteadas terán un amplo prazo para escoller o día no que gozar do premio, debido as condicións especiais que existen actualmente pola crise sanitaria con motivo da Covid. O sorteo, no cal se farán públicos os nomes das persoas premiadas, será o mércores 17 de febreiro ás 18:00 horas.
“Celebremos o Amor” é unha campaña coa que esperamos chegar aos corazóns dos clientes do Centro Comercial Urbano de Sarria, para que continúen amosando o seu apoio aos negocios da vila, realizando as súas compras de San Valentín no CCU de Sarria (agasallos, ceas, …).