A Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago renderán homenaxe a Elías Valina Sampedro

LugoXa | SarriaXa
Con motivo do seu 35 cabodano, organizarán actos de homenaxe en Lugo, Santiago de Compostela, Sarria e Pedrafita do Cebreiro
35-CABODANO-DE-ELÍAS-VALIÑA-SAMPEDRO-Asociación-Xornalistas-Lugo
5 Dec 2024

Unha serie de actos, en Lugo, en Santiago de Compostela, en Sarria e en O Cebreiro, servirán para render homenaxe a Elías Valina Sampedro, con motivo do seu 35 cabodano.

Están organizados pola Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago (APECSA), conxuntamente coa familia e amigos do cura do Cebreiro, falecido o 11 de decembro de 1989, despois dunha vida dedicada á protección e divulgación dos valores do Camiño de Santiago, á recuperación do mesmo e á restauración de O Cebreiro.

Os promotores da homenaxe, nun encontro cos xornalistas, na Asociación da Prensa de Lugo, destacaron o labor de Elías Valiña, nado en Lier (Sarria), o 2 de febreiro de 1929, e cura de O Cebreiro dende 1959 ata o seu pasamento; como investigador e a súa contribución ao desenvolvemento ecolóxico, económico, educativo, cultural e social do entorno e de Galicia.

O programa dos actos que se celebrarán a partir do día 11 de decembro foi presentado polo coordinador do mesmo, o xornalista Luís Celeiro Álvarez, vicepresidente de APECSA, xunto cos amigos de Elías e da familia, a escritora Laurie Dennett e o párroco de A Nova, Luciano Armas Vázquez. Tamén compareceron os sobriños do homenaxeado, José López Valiña e Luís López Armesto, e o vogal de APECSA, José Lisandro García Abelairas.

Estes actos comezarán o día 11 de decembro  cun concerto do Grupo Vocal Sólo Voces de Lugo, que ofertará un repertorio con música sacra, composta desde o medievo ata hoxe, onde non faltarán composicións de músicos lugueses, como J. Montes ou Juan Antonio Moreno Fuentes. Será, de entrada libre, na Igrexa A Nova, ás 20.30 horas.

O xoves, día 12 de decembro, ás 19.00, no Museo das Peregrinacións e de Santiago, en Santiago de Compostela, presentarase o libro, recentemente saído do prelo, 'Pilgrim Spirit: Elías Valiña and the Revival of the Camino 1959-1989', tradución ao inglés do ensaio biográfico 'Elías Valiña, Valedor do Camiño 1959-1989', da autoría de Luís Celeiro Álvarez.

O venres, 13 de decembro, Luís Celeiro e Laurie Dennett presentarán este libro nos IES de Sarria. Ás 10.50 horas no Xograr Afonso Gómez e, ás 12.00 horas no Gregorio Fernández. Este mesmo día, ás 13.30, terá lugar, no Concello de Sarria, unha recepción do alcalde e a concelleira do Camiño de Sarria, Claudio Garrido e Reyes Abella, respectivamente. Neste acto participarán familiares e amigos de Elías Valiña, estudosos do Camiño de Santiago e demais persoas interesadas na temática xacobea, entre elas veciños de Sarria e do Cebreiro e representacións dos concellos do Camiño.

Os actos rematarán en O Cebreiro, o sábado 14, cunha xornada aberta na que participarán todas aquelas persoas que o desexen, nun parlamento memorial de Elías Valiña. Participarán veciños, amigos, estudosos do Camiño de Santiago, representantes da Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, das universidades, da igrexa e dos concellos da ruta xacobea.

0.15659999847412