A Asociación Ergueitas de Sarria percorrerá o roteiro Fiz Vergara Vilariño este sábado

A Asociación Ergueitas de Sarria percorrerá a ruta de Fiz Vergara Vilariño este sábado, 31 de maio, coa participación de diversas artistas plásticas que realizaron intervencións en 13 puntos da ruta, interpretando outros tantos poemas do poeta lugués.
Esta iniciativa forma parte dun proxecto de recuperación e posta en valor deste itinerario literario e artístico que homenaxea a obra e o territorio de Fiz Vergara Vilariño, coincidindo co 25º aniversario do Premio de Poesía que leva o seu nome.
Nos últimos meses, e en colaboración co Concello de Samos, a Asociación Ergueitas levou a cabo reparacións nas instalacións que o requirían, repuxo os soportes dos poemas que acompañan as intervencións e instalou nova sinalización e códigos QR, co obxectivo de mellorar a experiencia dos visitantes e facilitar a interpretación das obras.