A Asociación Huhú presentou BIS/BARRA, o terceiro bloque da Trienal Sarria

SarriaXa
A mostra reivindica a creación cultural no rural e reúne achegas interxeracionais que visibilizan décadas de traballo silencioso
Bis-Barra-na-parede-esta-todo-exposición-Trienal-Asociación-Huhú-Sarria
24 Nov 2025

A Asociación Huhú deu a coñecer a exposición BIS/BARRA, o Bloque 3 da Trienal Sarria, un proxecto que reafirma a aposta pola creación artística nun territorio onde o rural e o urbano conviven a diario. A entidade destacou que este ciclo demostra que tamén nesta comarca é posible consolidar unha cultura viva e estable, afastada de tópicos e aberta á participación da comunidade.

A mostra desenvólvese en A Sede – NDAC, un espazo que, segundo a organización, funciona como epicentro deste proceso creativo colectivo e que explica mellor ca calquera teoría o presente e o futuro cultural de Sarria. Desde Huhú subliñan que a Trienal non pretende ordenar o territorio, senón deixar que este se exprese e apareza a través das obras e das persoas que as sosteñen.

BIS/BARRA preséntase cunha instalación na que todas as pezas están colgadas á altura da mirada e aliñadas na mesma liña, un xesto sinxelo que busca igualar voces e miradas. A asociación incidiu en que esta relación entre parede e chan simboliza o sostén da mostra: o que se exhibe e o público que o contempla. Ademais, fixo fincapé en que a metade das achegas pertenzan a mulleres desmonta a idea de que o rural fala cunha única voz.

A organización lembrou que moitas destas creacións proceden de prácticas discretas, ás veces domésticas, ás veces intermitentes, e a miúdo sostidas en silencio durante anos, mais fundamentais para manter viva a cultura cando ninguén prestaba atención. A exposición, sinalan, non inventa esta realidade, senón que lle ofrece unha parede para facerse visible.

Concibida como unha radiografía do Sarria que existe cando ninguén mira, a mostra reúne memoria familiar, escola, afección e continuidade. Moitas das obras chegaron cargadas de emoción e inseguridade, algo que, segundo Huhú, tamén forma parte da construción da comunidade.

A exposición permanecerá aberta a novas incorporacións durante o seu desenvolvemento, co compromiso de ir colgando as pezas que están en camiño e mesmo aquelas que aínda non se atreven a dar o paso. Na clausura, prevese que máis de 80 obras conformen este retrato colectivo.

⚙ Configurar cookies
0.065879106521606