A Asociación Meigas e Trasgos inicia un novo curso de música e baile tradicional en Sarria

SarriaXa
A asociación ofrece este ano un plantel de docentes de renome para formar en gaita, pandeireta, percusión e baile tradicional
Meigas-e-Trasgos-Sarria
10 Sep 2025

A Asociación Cultural Meigas e Trasgos de Sarria abre o 4 de outubro as súas actividades para o novo curso, con moita expectación e un equipo de profesorado de auténtico luxo. Os alumnos poderán formarse en baile tradicional, percusión, pandeireta e gaita, coa garantía de recibir ensinanzas cargadas de tradición e entusiasmo.

O plantel docente desta edición reúne figuras destacadas da música e danza galega. Pepe Vaamonde, con máis de 30 anos de carreira na gaita, impartirá clase de instrumento. Silvia Gómez combinará pandeireta e canto, levando a forza da tradición galega a cada compás. Ismael será o encargado da percusión, marcando o ritmo das danzas, mentres que Olalla Yáñez transmitirá toda a enerxía do baile tradicional. Para o perfeccionamento no baile de adultos contaremos con Belén e Iván, alma da asociación e con décadas de experiencia xuntos.

As persoas interesadas poden inscribirse chamando aos teléfonos 639 974 587 e 693 862 171, ou enviando unha mensaxe para máis información. A asociación invita a todos a sumarse e descubrir a riqueza da cultura tradicional galega a través da música e o movemento.

⚙ Configurar cookies
0.10089898109436