A asociación Meigas e Trasgos presentou o programa da Noite Meiga nun acto
O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro participou na presentación da Noite Meiga de Sarria, organizada pola asociación Meigas e Trasgos, xa que a institución colabora un ano máis nesta cita, que xurdiu fai máis de medio século arredor da asociación de música e baile tradicional e que ten como momento máis icónico a danza da Noite Meiga, unha representación ritual arredor da figura mítica das meigas e do poder purificador do lume, o sábado 31 a partir das 1.00 horas.
O vicepresidente da Deputacion de Lugo destacou "a tradición da Noite Meiga, que representa a forza do noso imaxinario mítico" e valorou "a continuidade que Meigas e Trasgos lle deu a esta celebración, mantendo ao mesmo tempo un papel referencial na vida cultural e social de Sarria a partir do baile e da música tradicional".
A noite máis máxica do ano en Sarria comezará coa lectura do pregón, a cargo de Victoria Perez Penela, coa actuación da banda de Meigas e Trasgos, e culminará -tras a danza- coa actuación de Broken Peach.
Pola súa parte, a Xunta de Galicia patrocina o concerto que ofrecerá Baiuca o venres 30 de agosto, ás 23.00 horas, no parque do Chanto de Sarria.
Deste xeito, o Goberno galego reforza o tirón turístico da Noite Meiga cun dos artistas galegos de maior proxección nacional e internacional, creador dun estilo propio que mestura a música tradicional coa electrónica.
Un ano máis, a Xunta encárgase de facilitar a principal cita musical da festa, á que en edicións anteriores achegou igualmente actuacións de primeiro nivel como as de Luar na Lubre e Treixadura.
A asociación Meigas e Trasgos presentou o programa nun acto que contou coa participación da directora territorial de Emprego, Comercio e Emigración de Lugo, Carmen José López, entre outros.
A Xunta apoia o traballo da asociación organizadora, e ofreceulle tamén o asesoramento e a colaboración precisa para poder levar adiante o seu obxectivo de que a Noite Meiga sexa declarada Festa de Interese Turístico Galego.
ACCIÓN DE MERCHANDISING
Por outra banda, desde a asociación veñen de lanzar a iniciativa 'Eu son Noite Meiga' coa colaboración dos negocios locais e do Concello de Sarria, que ten como obxectivo facer partícipe á veciñanza da vila do conxuro da Noite Meiga e que sintan como súa esta festa.
Así, desde a asociación explican que "algo que non moita xente sabe é que durante a danza do conxuro, a Meiga Maior queima no lume máxico os bos desexos que lle foron entregados esa noite".
Por iso, convidan a "depositar os vosos bos desexos nos locais participantes nos que vaiades a mercar", xa que ao facer unha compra, selarase unha tarxeta, e con tres selos de tres negocios diferentes, o veciño ou veciña conseguirá unha bolsa de tea a recoller no Lar Social de Meigas e Trasgos o xoves, venres e domingo da Noite Meiga.