A Asociación Rúa da Música presentará o seu novo disco como unha homenaxe ao seu 10º aniversario
A Casa da Cultura de Sarria acolle o vindeiro 27 de abril a presentación do novo disco da Asociación Rúa da Música, no que haberá 22 cancións de bandas e artistas diferentes, pero todas elas de Sarria que formaron nalgún momento parte da asociación.
Este disco dobre, co que se conmemora o décimo aniversario da asociación, incluirá cantautores, estilo punk, pero sobre todo “moito rock”, afirma o seu presidente, Jesús Álvarez.
"A iniciativa foi do noso socio Carlos Alvaredo, o principal promotor de que se levara a cabo este proxecto e colaboraron con nós os estudos de gravación de Sarria, polo que todo está feito aquí, xa que Sarria ten a fama de que ten máis músicos per cápita que en calquera cidade ou pobo dos arredores, ademais que ten moita movida musical".
O disco, que aseguran que é "conceptual", tamén inclúe narracións entre as cancións, que explican a historia das bandas e dos artistas, así como da propia asociación a través da voz de Xurxo Souto, o cantante dos Diplomáticos de Monte Alto e o texto escrito de Manuel Poy.
No acto, aberto a todo o público e que está apoiado polo Concello de Sarria, contan con ter bastante afluencia de xente, xa que "hai tantas bandas e artistas involucrados, que xa só con eles, vai estar cheo, máis a xente que se sume", destacan.