A Asociciación Cultural Huhú inaugura a primeira exposición da Trienal Sarria Triennial

SarriaXa
Baixo o título de 'Arquipélago Interior', a exposición colectiva contará coa presenza e traballos de cinco artistas e colectivos
Trienal-Sarria
18 Out 2024

A Asociación Cultural Huhú de Sarria, organizadora do programa Trienal Sarria Triennial (TST1), inaugurará o primeiro bloque expositivo da Trienal de Sarria no local A Sede esta tarde de venres, 18 de outubro, ás 20.00 horas.

Baixo o título de 'Arquipélago Interior', a exposición colectiva contará coa presenza e traballos de cinco artistas e colectivos, incluíndo o fotógrafo sarriao Santy López, así como Ángela Ferreira, Dalila Gonçalves, Carme Nogueira e Unha Gran Burla Negra, todos profesionais de prestixio internacional.

A área de Cultura do Concello de Sarria é o patrocinador principal deste evento único no panorama artístico e desde ela animan a todas as veciñas e veciños a que se acheguen a desfrutar desta exposición.

A exposición, a fondo

Trienal Sarria Triennial é un programa experimental de arte contemporánea xerado dende un contexto improbable no que se utilizan ferramentas que ofrecen as diferentes disciplinas creativas para fomentar o pensamento crítico e difundir manifestacións culturais significativas.

A primeira edición de TST1 titúlase ‘Arquipélago interior’, unha imaxe que aporta o marco discursivo que articula o programa público a desenvolver durante os anos 2024, 2025 e 2026, período no que se realizarán cinco bloques expositivos principais.

Cada un dos bloques desprega unha exposición central na que cinco artistas ou colectivos presentarán obras e proxectos sensibles ao contexto, relacionados coa temática xeral do programa e as súas imprevistas relacións.

A través das súas propostas, desde o colectivo invitan a reflexionar sobre "as múltiples aproximacións á ruralidade que eclosionan no momento presente, sobre como os movementos migratorios de ida e volta conforman historicamente a perspectiva humana deste contexto, e sobre aqueles modos de produción de experiencia e sentido que podemos explorar colectivamente".

0.17747402191162