A Aula de Estudo da Casa da Cultura de Sarria amplía o seu horario e terá novo acceso

O Concello de Sarria ampliará o horario da Aula de Estudo da Casa da Cultura e habilitará un novo acceso a partir do 3 de novembro, nunha medida que reforza o compromiso municipal coa educación, a formación e o acceso igualitario aos servizos públicos.
A partir desta data, a Aula de Estudo permanecerá aberta de forma ininterrompida de luns a domingo, de 08:00 a 00:00 horas, ofrecendo un servizo adaptado ás necesidades das persoas que precisan un lugar tranquilo, seguro e accesible para estudar.
Situada na planta baixa da Casa da Cultura, a aula contará cunha entrada independente situada no lateral do edificio, xunto á porta principal da EEI Xela Arias. Este novo acceso permitirá a entrada directa ás instalacións sen interferir no funcionamento doutros servizos municipais.
Para facer uso do espazo é necesario solicitar unha tarxeta de acceso individual, que poderá tramitarse de forma presencial na propia Casa da Cultura.
Con esta iniciativa, o Concello de Sarria aposta por un servizo público moderno, flexible e pensado para as necesidades reais da veciñanza. A ampliación do horario representa unha aposta polo futuro e pola creación dun entorno que fomente o estudo, a formación e o desenvolvemento persoal nun espazo cómodo e pensado para a concentración.