A Banda da Comarca de Sarria actúa este sábado no CAPD cun concerto para os residentes

SarriaXa
A agrupación volverá ao centro un ano despois para compartir música cos residentes e estreará obras do repertorio de 2026
Banda-de-Música-Comarca-de-Sarria-no-CAPD
2 Dec 2025

A Banda de Música da Comarca de Sarria ofrecerá este sábado, 6 de decembro, un concerto no Centro de Atención a Persoas con Discapacidade de Sarria, unha actividade que se enmarca na súa disposición estatutaria de contribuír á integración social e dinamizar a vida cultural da comarca.

Será a segunda vez que a formación visite este centro, xa que xa o fixera no mesmo mes do ano pasado, nunha actuación que deixara unha lembranza moi positiva entre os residentes, quen puideron desfrutar da música, bailar e mesmo tomar parte na interpretación dalgunhas das pezas.

A agrupación chega a este encontro tras pechar unha segunda tempada especialmente activa, con vinte actuacións entre concertos, pasarrúas e festivais, ademais de dous obradoiros formativos —un dedicado á dirección e outro á cana simple— que reforzan a súa aposta pola formación e a difusión musical en toda a comarca.

Este concerto no CAPD marcará o inicio oficial da terceira tempada da BMCS, que arrancará coa estrea de varias composicións que integrarán o repertorio de 2026. Entre elas destacan “António Sousa Alves”, unha marcha do compositor portugués Vítor Resende, e “Filarmonia”, obra do tamén portugués Afonso Alves.

⚙ Configurar cookies
0.066271066665649