A Banda de Música da Comarca de Sarria abrirá o ano cun concerto especial de Reis

A Banda de Música da Comarca de Sarria celebrará o domingo 4 de xaneiro un concerto na Casa da Cultura de Sarria a partir das 12:30 horas. A cita servirá para abrir musicalmente o novo ano e repetir unha iniciativa que a formación xa levou a cabo nos dous últimos anos, ofrecendo un concerto na véspera de Reis dirixido ao público sarriao.
O repertorio, acorde coas datas do Nadal, incluirá música tanto nacional como internacional de temática festiva, combinando pezas clásicas con obras máis recentes. A proposta busca ofrecer un concerto pensado para a recta final das festas, cun programa variado e accesible para todo tipo de públicos.
A actividade da banda continuará ao día seguinte coa súa participación na Cabalgata de Reis, á que acompañará musicalmente ao longo de todo o percorrido pola vila de Sarria. A saída terá lugar desde a estación de tren ás 18 horas e o desfile rematará na Praza da Vila.
Este concerto de Reis supón o terceiro da nova tempada da Banda de Música da Comarca de Sarria, tras as actuacións realizadas no CAPD e no recente Concerto de Inverno, ambas celebradas durante o pasado mes de decembro.