A Banda de Música da Comarca de Sarria e Antonio Barros actuarán nas festas de San Xoán

SarriaXa
Este evento, que leva por nome 'Asalto baile', recupera o espírito das antigas verbenas organizadas pola Sociedade, onde a música convidaba a bailar en comunidade
Cartel-Banda-comarca-de-Sarria-San-Xoan
13 Jun 2025

A Sociedade Recreativa La Unión de Sarria será o escenario, o martes 24 de xuño ás 19:30 horas, dun concerto especial protagonizado pola Banda de Música da Comarca de Sarria (BMCS) e o recoñecido cantante galego Antonio Barros, dentro do marco das festas de San Xoán.

Este evento, que leva por nome 'Asalto baile', recupera o espírito das antigas verbenas organizadas pola Sociedade, onde a música convidaba a bailar en comunidade.

Durante as festas do pasado ano, a BMCS participou cun pasarrúas, mais nesta edición incrementa a súa presenza cunha proposta máis ambiciosa: ademais dun novo pasarrúas previsto para o domingo 22 de xuño pola tarde, a Banda ofrecerá un concerto conxunto con Antonio Barros, dentro do seu programa “Verbena Sinfónica”.

Esta iniciativa mestura o repertorio clásico das orquestras populares galegas cun enfoque sinfónico, reinterpretando xéneros tan bailables como o pasodobre, o merengue, a cumbia, o mambo ou o corrido mexicano, e evocando temas inesquecibles de grupos como Los Satélites, Los Tamara ou voces emblemáticas como Nino Bravo.

O concerto será conducido polo director Marcos Fernández Varela, quen xa leva catro eventos á fronte da BMCS neste 2024, logo de dirixir durante a Semana Santa en Sarria, o xantar veciñal da Ascensión en Paredes (O Páramo) e as festas de San Antón en Louseiro.

Pola súa banda, Antonio Barros, natural de Mos, conta cunha sólida traxectoria de máis de quince anos na música de verbena galega, destacando pola súa participación en programas como Luar, Bamboleo ou A Liga dos Cantantes Extraordinarios, onde se gañou a fama de ser un dos grandes da escena galega actual e mesmo foi alcumado como sucesor de Juan Pardo.

⚙ Configurar cookies
0.15574884414673