A Banda de Música da Comarca de Sarria ofrecerá un concerto o Día das Letras Galegas en Samos

SarriaXa
Á banda sumaranse o grupo Os Clarisaxos, así como alumnado da aula de música tradicional de Samos, e algunhas das pezas serán interpretadas por Nerea Iglesias Maside
praza-Vergara-Samos-(1)
8 May 2025

A Banda de Música da Comarca de Sarria (BMCS) ofrecerá un concerto especial o vindeiro sábado, 17 de maio, ás 20:00 horas, na praza Vergara Vilariño de Samos, con motivo da celebración do Día das Letras Galegas 2025.

No caso de choiva ou mal tempo, o evento trasladarase aos soportais do campo da festa, para garantir o seu correcto desenvolvemento.

Este ano, as Letras Galegas están dedicadas ao cancioneiro popular galego, con especial homenaxe ás cantareiras e pandereiteiras, verdadeiras gardiás da tradición oral e musical galega, que conservaron e transmitiron a nosa cultura de xeración en xeración.

Neste contexto, o repertorio do concerto estará composto por obras de autoría e temática galegas, destacando aquelas que conectan directamente co espírito e as protagonistas da celebración deste ano.

O concerto é froito da colaboración entre a BMCS e o Concello de Samos, e contará cunha participación ampliada. Así, á banda sumaranse o grupo Os Clarisaxos, coa súa segunda colaboración conxunta tras a Noite Meiga de Sarria 2024, así como alumnado da aula de música tradicional de Samos, nunha aposta pola unión entre tradición, formación e creación musical.

Ademais, algunhas das pezas serán interpretadas pola voz da pandeireteira Nerea Iglesias Maside, quen achegará unha dimensión emocional e auténtica ao concerto.

⚙ Configurar cookies
0.13224196434021