A Banda de Música da Comarca de Sarria ofreceu un concerto aos usuarios do CAPD
A Banda de Música da Comarca de Sarria deleitou aos usuarios e usuarias do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade cun concerto este domingo.
Desta maneira, durante unha hora, os residentes puideron desfrutar no salón de actos da música de profesionais que ofreceron un concerto inclusivo onde varios dos residentes se foron alternando durante as pezas para tocar coa banda.
Así, desde a Banda de Música da Comarca de Sarria explican que “a cousa foise animando ata tal punto que rematamos con todo o público bailando e de festa. Foi un día moi grande e moi emotivo, no que tratamos de pór o noso grao de area para que a música chegue a toda a sociedade, especialmente a aquelas persoas con dificultades", sosteñen.
Ademais, destacaron a a Álvaro López Peribáñez, “compañeiro incondicional e verdadeira alma da banda, que cada día nos demostra que non hai barreiras”.