A Banda de Música da Comarca de Sarria organiza o III Obradoiro de Vento Madeira en Triacastela

SarriaXa
Clarinetes, saxofóns, frautas, oboes e fagots participarán nunha experiencia musical colectiva que culminará cun concerto de clausura
Obradoiro-Cana-Simple-Triacastela-Banda-de-Música-Comarca-de-Sarria
17 Mar 2026

A Banda de Música da Comarca de Sarria organiza o III Obradoiro da BMCS en Vento Madeira os días 10, 11 e 12 de abril no CEIP Eduardo Cela Vila de Triacastela, cun concerto de clausura o domingo 12 ás 12.30 horas.

Xunto aos habituais clarinetes e saxofóns, nesta edición incorporáronse tamén frautas, oboes e fagots, ampliando a experiencia musical a toda a familia de vento madeira. O obradoiro nace co obxectivo de ofrecer unha vivencia máis alá dos ensaios e das clases habituais, mellorando a calidade musical da sección a través de ensaios conxuntos que se amosarán no concerto final.

A música de banda é esencialmente colectiva, polo que se traballará tamén na escoita activa, na colaboración e no compromiso entre os participantes mediante xogos e dinámicas grupais. Ademais, Triacastela ofrece un entorno natural idóneo para convivir coa natureza, desconectar da rutina e vivir unha experiencia enriquecedora de aprendizaxe musical.

Os contidos do obradoiro inclúen a formación de diversos grupos instrumentais, desenvolvemento do espírito de grupo, fomento da colaboración entre alumnos de distintas idades e o goce da contorna natural.

Con respecto aos profesionais, contarase cun destacado profesorado formado por Susana Ratón Varela, de Chantada; Adrián Balboa Valcarce e Tania Balboa Valcarce, de Triacastela; Fátima Durán Ortega, de Cuntis; Manuel Montero López, de Sarria; e Xosé Fernández Arias e Claudia Rico Echegaray, de Lugo.

0.11399102210999