A Banda de Música O Landro de Viveiro participará no I Festival de Bandas da Comarca de Sarria

SarriaXa
Organizado pola Banda de Música da Comarca de Sarria, o festival terá lugar o vindeiro 27 de xullo
Primeiro-Festival-de-Banda-da-Comarca-de-Sarria
19 Xul 2024

A primeira edición do Festival de Bandas Comarca de Sarria terá lugar o vindeiro 27 de xullo na vila de Sarria, durante o que as dúas bandas participantes percorrerán a vila en pasarrúas desde as 19.00 horas, aínda que o acto central será ás 20.00 horas na praza da vila.

Será Iria Soengas Varela, veciña de Sarria, reporteira e presentadora da Televisión de Galicia, a voz que guíe o evento e a que aportará información sobre as bandas e o repertorio que van a interpretar cada unha delas, de media hora respectivamente.

Desta maneira, o festival contará coa presenza de dúas bandas: a Banda de Música da Comarca de Sarria, co seu director Jesús López, músico de Sarria e director do Conservatorio Profesional da Coruña; e a Banda de Música O Landro de Viveiro, dirixida por Carlos Timiraos, músico natural de Viveiro.

“Para nós é unha honra poder contar nesta primeira edición con Viveiro, unha banda que ademais de ser recoñecida historicamente como unha das mellores da provincia de Lugo, leva sendo nos últimos anos un referente de calidade musical e bo facer grazas ao traballo dos compañeiros”, explican desde a Banda de Música da Comarca de Sarria.

O TRABALLO DA BANDA DE MÚSICA COMARCA DE SARRIA NESTE PRIMEIRO ANO

A Banda de Música da Comarca de Sarria leva en activo once meses nos que destacou o “intenso traballo no plano organizativo para artellar unha asociación que dea cobertura á agrupación musical e co fin de que se converta nun farto cultural, contribuíndo á riqueza musical, destacando e fomentando o talento local e promovendo a súa visibilidade nos sete concellos”, defenden.

Por todo isto, o primeiro Festival de Bandas da Comarca de Sarria será o proxecto central do traballo deste primeiro ano, que acollerá música en directo e en acústico, “froito do esforzo e dedicación dos músicos e directores”. Así, este tipo de iniciativa, explican, “contribúen significativamente ao auxe e mellora das formacións como á identificación da sociedade coas agrupacións”.

Ademais, engaden que “os festivais constitúen un piar esencial do intercambio cultural entre formación de distintos lugares. Neste caso, poder traer á comarca de Sarria a música de bandas de fóra é importante para ver o que se está a facer no resto do país”.

0.13966703414917