A banda Sound Sisters leva a súa música a Láncara
O grupo Sound Sisters actuará maña no concello de Láncara, con motivo dos seráns que organiza a Asociación Val de Láncara na área recreativa Manuel Fernández Arrojo (tamén coñecida como illa de Cuba).
A vocalista da banda, Nerea Iglesias, afirma que “Nesta ocasión imos facer principalmente versións, xa que intentamos adaptarnos ao público dentro das nosas posibilidades, aínda que tamén tocaremos por suposto temas propios que é no que nos queremos centrar a nivel de grupo”.
Segundo os integrantes do grupo, este é o maior xiro que o grupo deu dende os seus comezos xa que “nun primeiro lugar limitámonos a preparar versións de temas coñecidos pero co paso de tempo, animámonos a compoñer e perderlle o medo a este proceso. Cremos firmemente que os temas propios nos poden diferenciar como grupo e é polo que máis apostamos. Tendo en conta por suposto que tiveron moi boa acollida entre o público os dous que xa publicamos (No More e Wild Life)”.
As perspectivas principais do grupo céntranse agora en seguir gravando os seus temas e sacar algún videoclip máis, de feito xa están a traballar para darlle forma ao videoclip de "Burn sister", o primeiro tema que gravamos en estudo.
“O feito de que teñan tan boa acollida os nosos temas é o que nos anima para que saian á luz, isto é resultado do noso esforzo e traballo para poder acadar este resultado final”, recoñece Nerea. Quen nos confesa tamén que “coa incorporación do último batería, Chema Wayra, apréciase quizais un cambio de son a un son máis duro, xa que el vén do metal, pero nós estamos encantados con este novo son máis contundente e enérxico que sorprende moito ó público”.
En canto a próximas actuacións, o grupo Sound Sisters actuará no Festival Garitosis o día 1 de outubro en Sarria (festival organizado pola asociación Rúa da Música, da cal saíron os membros deste grupo e moitos máis músicos de Sarria).