A base dos Meigallos FS brilla con luz propia tras conquistar liga e copa

A tempada do club Meigallos FS encheu de orgullo ao deporte local sarriáo. O equipo infantil A proclamouse campión tanto de liga como de copa, culminando un ano excepcional que confirma a forza e o talento da canteira. A gesta dos máis pequenos non pasou desapercibida e recibiu o recoñecemento institucional este venres no salón de plenos do Concello de Sarria.
O alcalde, Claudio Garrido, e o concelleiro de Deportes, Félix Seijas, recibiron aos equipos como mostra de agradecemento polo seu esforzo, constancia e compromiso, destacando que representan “un verdadeiro orgullo para toda a vila”.
Desde o club tamén aproveitaron para felicitar o equipo Sénior, que quedou ás portas do ascenso a Terceira División tras unha tempada marcada pola entrega e o traballo colectivo. “Foi un ano de moita intensidade, e demostrouse que o camiño está ben marcado”, valoraron desde Meigallos FS, que segue consolidando a súa traxectoria como referente do fútbol sala na comarca.