A Biblioteca Camilo Gonsar de Sarria acolle un taller xuvenil coa escritora Antía Yáñez

SarriaXa
A actividade, incluída na programación cultural municipal, combinará un obradoiro creativo e unha charla literaria
Biblioteca-Sarria
30 Dec 2025

A Biblioteca Pública Municipal Camilo Gonsar de Sarria será escenario o vindeiro día 2 dun taller xuvenil impartido pola escritora Antía Yáñez, unha proposta dirixida a fomentar a creatividade e o interese pola literatura entre a mocidade. A iniciativa enmárcase dentro da programación cultural impulsada polo Concello de Sarria.

A actividade dará comezo ás 17.30 horas cun obradoiro no que as persoas participantes poderán achegarse ao proceso creativo e ao traballo coa palabra escrita da man da autora. Posteriormente, ás 19.00 horas, a programación continuará cunha charla na Casa da Cultura, na que Antía Yáñez afondará en distintos aspectos da súa obra e da súa traxectoria literaria.

Con esta proposta, o Concello de Sarria reforza a súa aposta por achegar a literatura contemporánea ao público máis novo e por converter os espazos culturais municipais en puntos de encontro para a creación, o diálogo e a difusión cultural.

⚙ Configurar cookies
0.081238985061646