A Biblioteca Camilo Gonsar de Sarria lanza o seu “Reto Lector”

SarriaXa
Unha proposta que anima a ler dez libros en dez meses, con diferentes temáticas e pequenas recompensas para quen complete o desafío
Biblioteca-Sarria
10 Oct 2025

A Biblioteca Pública Municipal Camilo Gonsar de Sarria pon en marcha unha nova actividade de fomento da lectura: o “Reto Lector”, que dará comezo o mércores 15 de outubro.

A iniciativa, aberta a todas as persoas con carné da Rede de Bibliotecas de Galicia, propón dez meses e dez lecturas, desde outubro de 2025 ata xullo de 2026.

Cada mes terá unha temática diferente, como “un libro escrito por unha muller” (outubro), “un libro que fale do pasado” (novembro) ou “un libro en galego ou de autoría galega” (maio).

As persoas participantes poderán recoller na biblioteca a súa credencial para ir obtendo selos ao longo do reto, segundo vaian lendo e valorando as súas lecturas no “termómetro de lecturas”.

A biblioteca compartirá ademais cada mes, a través das redes sociais municipais, a lectura favorita das persoas participantes. Quen complete o desafío con todos os selos recibirá un pequeno agasallo final.

Dende a biblioteca animan a toda a veciñanza a participar nesta proposta que combina diversión, descubrimento e amor polos libros.

⚙ Configurar cookies
0.067357063293457