A Biblioteca de Sarria converteuse en escenario creativo cun obradoiro de dramaturxia

A Biblioteca Pública Municipal Camilo Gonsar de Sarria acolleu nos últimos días un obradoiro de dramaturxia no que a palabra escrita deu o salto á escena converténdose en acción teatral.
A iniciativa transformou este espazo cultural nun lugar de aprendizaxe e experimentación compartida, no que as persoas participantes puideron achegarse aos fundamentos da escrita dramática e ao proceso de creación teatral desde unha perspectiva práctica e colectiva.
O obradoiro contou coa participación de quince persoas interesadas no teatro e na dramaturxia, que atoparon na biblioteca un punto de encontro para o intercambio de ideas, a creación artística e o diálogo arredor das artes escénicas.
A actividade marcou ademais o inicio dunha nova liña de obradoiros vencellados ao ámbito escénico en Sarria, co obxectivo de fomentar a cultura feita en común e impulsar espazos de creación compartida no ámbito local.