A Biblioteca Pública Camilo Gonsar recibe o Premio María Moliner polo proxecto “Tecendo redes locais”

Jessica Fernández
A Biblioteca Pública Camilo Gonsar vén de ser recoñecida co Premio María Moliner de animación á lectura, unha distinción promovida polo Ministerio de Cultura que pon en valor iniciativas innovadoras destinadas a fomentar os hábitos lectores. O galardón chega da man do proxecto ‘Tecendo redes locais’, unha proposta nacida no seo do Concello de Sarria e desenvolvida coa implicación directa da técnica da biblioteca, Miriam Alonso, en colaboración co concelleiro de Cultura, César No.
A idea de concorrer ao certame xorde da vontade compartida de reforzar as conexións entre o traballo cultural municipal e o tecido asociativo e educativo do municipio. Para Miriam Alonso e César No, resultaba fundamental crear pontes estables entre a biblioteca, os centros educativos e as asociacións locais, entendendo a Casa da Cultura como un espazo vivo e accesible, aberto á participación de colectivos de Sarria e da contorna. Ese enfoque tradúcese na invitación constante a entidades diversas para que desenvolvan as súas actividades nun lugar común pensado para o encontro e a dinamización cultural.
Baixo esa filosofía toma forma ‘Tecendo redes locais’, un proxecto que reforza o papel da biblioteca como axente activo do seu entorno inmediato, capaz de colaborar con escolas, asociacións e colectivos para impulsar actividades lectoras, propostas culturais e accións participativas dirixidas a públicos moi diversos. O recoñecemento, segundo explica Alonso, percíbese como un premio á colaboración e á comunicación fluída entre todas as partes implicadas, nun modelo no que as necesidades das asociacións atopan resposta.
A programación impulsada desde este espazo inclúe iniciativas consolidadas como o reto lector, o Club de Lectura ou os Mércores de Contos, propostas que seguen medrando grazas á liberdade creativa para deseñar actividades e ao respaldo do Concello, unha combinación que, segundo destaca a técnica, resulta clave para manter unha oferta cultural dinámica e atractiva.
O Premio María Moliner leva aparellada unha axuda económica de 2.777,77 euros destinada á compra de libros, un apoio que permitirá seguir fortalecendo o fondo bibliográfico. A biblioteca prevé ampliar seccións moi demandadas, como a comicteca orientada a lectores novos aos que lles custa achegarse á lectura tradicional, utilizando o debuxo como porta de entrada aos libros. Tamén se incorporará banda deseñada para público adulto, reforzarase o fondo infantil e sumaranse novidades editoriais actuais, co obxectivo de achegar a lectura a persoas de todas as idades.
O premio interprétase así como un recoñecemento colectivo a unha maneira de entender a biblioteca non só como un lugar de consulta, senón como un espazo de encontro, creación e convivencia arredor da cultura.
Desde o Concello de Sarria agradeceuse ao persoal municipal da Área de Cultura polo seu traballo, implicación e esforzo continuado, que fan posible unha programación próxima, útil e con capacidade de xerar comunidade.
A administración local anima, ademais, á veciñanza a seguir facendo da Biblioteca Pública Camilo Gonsar un lugar de referencia, visitándoa de maneira habitual, participando nas actividades que se organizan e achegando novas ideas que permitan continuar medrando conxuntamente arredor dos libros e da vida cultural do concello.