A Biblioteca Pública de Sarria convoca o Certame de Poesía Nadal 2025 para menores de 16 anos

A Biblioteca Pública Municipal Camilo Gonsar de Sarria abriu a convocatoria do Certame de Poesía Nadal 2025, dirixido á cativada e rapazada de ata 16 anos. O concurso busca fomentar a creatividade literaria e permitir que os máis novos expresen o espírito do Nadal a través da palabra.
O certame está estruturado en tres categorías por idade: categoría A ata 8 anos, categoría B de 9 a 11 anos e categoría C de 12 a 16 anos. Os poemas deberán escribirse en galego e ocupar un máximo dun folio por unha soa cara. O prazo de presentación permanecerá aberto ata o venres 19 de decembro de 2025.
Os autores premiados recibirán un diploma e un lote de libros, nunha iniciativa pensada para animar á rapazada a poetizar e a participar activamente nas actividades culturais da biblioteca.