A.C. Meigas e Trasgos: “A nosa aspiración é facer cada vez máis grande Meigas e Trasgos”

Jessica Fernández
A Asociación Cultural Meigas e Trasgos de Sarria é un referente a nivel provincial e galego grazas á súa Noite Meiga, que cada ano reúne na vila a miles de persoas que se achegan para gozar dunha xornada máxica. “No informe policial que incluímos na documentación presentada para conseguir que a Noite Meiga sexa declarada Festa de Interese Turístico Galego, recollíase a cifra de 7.000 persoas nunha soa xornada da Noite Meiga 2024, pero houbo máis xente”, explica o vicepresidente. Pola súa parte, a presidenta destaca que só no seu local, O Meigallo, reuníronse 2.000 persoas.
“A Noite Meiga é unha cita fixa no calendario, como o é o Fin de Ano. Veñas ou non, sabes que o último sábado de agosto celébrase a Noite Meiga en Sarria e, se podes vir, vas prepararte para iso porque é unha ocasión especial”. Belén sinala que a mocidade prepárase cos seus traxes “para saír todos guapos, é incrible”. E, para eles, é “moito traballo”, pero “todo paga a pena por ofrecerlle ao pobo este evento; por iso merece ser recoñecido con ese título da Xunta”, explican. “Sería a única festa de Sarria con este recoñecemento e iso tamén é positivo para o pobo, porque realmente a Noite Meiga é do pobo”.
Un crecemento constante
Meigas e Trasgos presume do seu percorrido de máis de 50 anos, nos que “melloraron exponencialmente”, atopándose hoxe nun “moi bo momento”. Así, sosteñen que “o crecemento foi bastante grande e a evolución moi positiva, tendo en conta que, como en todas as asociacións, hai momentos máis baixos, pero valoramos o cómputo global e o momento actual, e estamos encantados e orgullosos, porque de Meigas e Trasgos saíron grandes profesionais, artistas e persoas, como Abraham Cupeiro, que é desta casa”, lembran.
“Actualmente, podemos dicir que somos arredor de 250 socios, pero entre os grupos da escola e outras persoas que nos apoian, poderiamos dicir que a familia de Meigas e Trasgos está composta por unhas 400 persoas”. Entre elas, os membros da directiva destacan o papel dos nenos: “Valoramos moito a escola porque é a nosa canteira, na que contamos con 100 persoas de entre 2 e 70 anos. Entre eles, este ano temos un grupiño de baile de 10 ou 12 nenos de entre 2 e 3 anos que irá medrando”.
No que respecta ás clases de baile, comentan que teñen catro sesións os sábados pola mañá, dúas os sábados pola tarde e un grupo os mércores pola tarde para aqueles que non poden asistir na fin de semana, “onde se atopa esa xente un pouco máis maior”. Ademais, destacan que este ano contan cun grupo de adolescentes que cren que vén motivado pola Noite Meiga: “Todo o que transmite este evento fai que a mocidade nos vexa con bos ollos, e estar de moda entre os adolescentes é todo un éxito”.

Máis actividades para dinamizar Sarria
Ademais das clases de baile, tamén ofrecen clases de pandeireta, canto, gaita e percusión. Os socios, que pagan unha cota anual de 40 euros, teñen dereito a participar en cada unha destas actividades ou en varias por 30 euros ao ano. Todas estas actividades desenvólvense no seu local, O Meigallo, que tamén se utiliza para outras actividades organizadas pola Asociación ou por outros colectivos.
“No verán, ás veces traemos monólogos, tamén cedemos o local para o evento Ultreia et Suseia e abaratamos a entrada aos eventos de pago para os nosos socios. Na Noite Meiga dámoslle prioridade aos socios para vir cear aquí… Ao final, ser socio compensa porque podes gozar da vida cultural de Sarria en diferentes aspectos”, explican.
Ademais das clases, a Noite Meiga e o Ultreia et Suseia, desde Meigas e Trasgos participan noutras actividades, como o San Xoán de Sarria, o San Isidro, a Feira de Anticuarios, a Cabalgata de Reis; así como organizan o Día de Meigas a fin de curso, propoñen obradoiros durante o ano e celebran o Magosto, “ao que pode vir todo o mundo, xa que queremos que O Meigallo, aínda que sexa un local noso, sexa un espazo aberto a todos, non só aos socios. Ten que haber, loxicamente, unha prioridade para os socios, pero queremos que sexa un espazo aberto para todo o pobo”, sosteñen.
“Estamos moi orgullosos e contentos de telo, porque hai poucas asociacións en Galicia que poidan dispoñer dun espazo así. Nós temos esta sorte, pero ao mesmo tempo é un hándicap, porque mantelo sen axudas é moi complicado con 250 socios. Agora mesmo temos un problema coas goteiras e o tellado, a ver se conseguimos arranxalo”, explica Belén.
Un futuro esperanzador
Seguindo por este camiño, outras necesidades da asociación son os traxes. “Este ano estamos cun obradoiro de confección de traxes e estamos facendo o básico, pero necesitamos máis. Esiximos á xente que queira bailar que teña a súa propia roupa branca, por hixiene, e despois nós ofrecemos todo o que temos, pero non chega para todos. Igual que cos instrumentos, cada un ten o seu, sobre todo se é unha gaita ou unha frauta… Despois, no caso da percusión, pandeiretas, tambores e bombos temos aquí porque se poden compartir entre os socios; pero por hixiene, gaitas non”, argumentan.
Se o presente de Meigas e Trasgos é positivo, a pesar dos altos e baixos do pasado, poderíase dicir que o futuro é esperanzador. Como sostén Belén, “somos traballadores e resilientes”. Este é un dos valores do colectivo: permanecer e mellorar, así como fomentar o compañeirismo, o amor pola tradición e pola cultura galega. “Iván e máis eu levamos aquí desde que nacemos, e esa constancia e compromiso é o que intentamos transmitir aos que comezan connosco”, explican.
Ese amor xa se nota nas novas xeracións, “que teñen moitas ganas de seguir co que xa se está facendo, porque o obxectivo de futuro é facer cada vez máis grande a Meigas, e todo o que poidamos exportar cara a fóra, pois moito mellor”, destaca Iván. Ademais, no referente á Noite Meiga, unha vez conseguida a declaración de Festa de Interese Turístico Galego, o obxectivo é que tamén sexa recoñecida a nivel nacional.
“Todo isto é bo para Meigas e Trasgos, pero tamén para Sarria, xa que é moi positivo colaborar entre colectivos e asociacións polo ben do pobo. De feito, en todas as actividades que poidamos facer con outras entidades, estaremos encantados. É unha sorte ter dúas asociacións deste nivel, aínda que cada unha teña a súa esencia e personalidade, pero as raíces son as mesmas. Ao final, é unha sinerxía. Por iso, calquera cousa que necesiten, aquí estamos”, ofrecen.
Finalmente, queren recuperar o seu museo, o único que hai en Sarria, e que quedou abandonado por falta de recursos económicos. “Queremos poñelo en valor e recuperar as bienais da Noite Meiga, para seguir promovendo a cultura e as artes en Sarria”, conclúen.