A campaña '60x1.000' volve ás rúas de Sarria cun premio de mil euros para gastar en só unha hora

A Asociación de Comerciantes e Artesáns de Sarria vén de presentar unha nova edición da campaña “en 60 minutos 1.000 euros – 60x1.000”, unha das iniciativas máis consolidadas do Centro Comercial Urbano da vila.
O lanzamento da promoción, que estará activa durante todo o mes de xullo coincidindo co período de rebaixas, contou coa participación de Ricardo Arias, presidente da asociación, e de José Ignacio, propietario do establecemento Senayo.
A mecánica da campaña mantén o seu espírito orixinal, que leva preto dunha década animando as compras no comercio local: unha persoa será premiada con mil euros que deberá gastar nun máximo de sesenta minutos nos establecementos adheridos. A iniciativa pretende incentivar o consumo de proximidade, premiar a fidelidade da clientela e dinamizar economicamente as rúas da vila.
Máis de trinta comercios participan nesta edición, entre os que se inclúen tendas de moda, complementos, deporte, óptica, herboristería, fotografía, decoración e moitos outros sectores. Entre eles destacan nomes como 1,2,3 Escondite Inglés, Micsport, Calzados Gayoso, Joyería Salgado, Óptica Malecón, Ultreia, Unika, Cactus Rose ou Colorín Colorado, entre outros.
As compras realizadas nestes negocios durante o mes de xullo permitirán ás persoas consumidoras optar ao gran premio, que poderá gastarse libremente seguindo as condicións recollidas nas bases da campaña. Deste modo, o comercio de Sarria aposta de novo por unha fórmula xa coñecida e valorada pola veciñanza, coa intención de seguir achegando vitalidade e confianza ao tecido comercial local.