A campaña de promoción da Ternera Gallega Suprema está en marcha a nivel nacional
Vénse de activar da man da Xunta e o Consello Regulador de Carne de Vacún de Galicia este proxecto que conta cun orzamento de 1,4 millóns de euros.
Así o anunciaba o conselleiro do Medio Rural, José González, durante o acto de inauguración do II encontro Galicia Etiqueta Calidade, onde se presentou esta campaña. No acto tamén estiveron presentes o presidente do Consello Regulador, Jesús González, o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, e o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros.
Sobre esta iniciativa, González sinalou que “ten como obxectivo aumentar a sensibilización sobre a extraordinaria calidade deste produto e incrementar tamén o consumo desta carne de vacún, dentro e fóra das nosas fronteiras”. Lembrou ademais que “con esta campaña o Goberno galego cumpre un compromiso adquirido, xunto coa Indicación Xeográfica Protexida (IXP), con todos e cada un dos produtores de carne de vacún de Ternera Gallega Suprema de Galicia. Con esta campaña búscase chegar a cubrir todo o espectro de comunicación audiovisual dispoñible. É dicir, radio, prensa, televisión, redes sociais, medios dixitais e revistas. Tamén se cubrirán os diferentes puntos de venda”.
Ademais, durante a súa intervención, o conselleiro tamén destacou que “o seu departamento investirá o vindeiro ano preto de 5,5 millóns de euros para impulsar a promoción de produtos agroalimentarios en xeral”. Así, segundo explicou José González, “estes fondos destinaranse a apoiar a presenza destas producións de calidade en feiras, tanto nacionais como internacionais, así como a fomentar ciclos curtos, a través de soportes como internet, e a impulsar o labor de promoción que realizan os consellos reguladores”. Así mesmo, indicou o conselleiro, “tamén se realizarán máis campañas como a de Ternera Gallega Suprema que hoxe se presenta”.
Galicia, referente nacional
Neste contexto, o conselleiro puxo en valor “o feito de que a nosa comunidade é unha das máis importantes de España no relativo á gandaría de vacún, tanto en número de cabezas como, sobre todo, en cantidade de explotacións, o que converte ó sector nun dos piares básicos da economía rural galega”, remarcou. Nesta mesma liña, González salientou tamén que “a IXP Ternera Gallega é o indicativo de calidade cárnico que máis certifica en España, acadando case un 60 % do total”. Porén, recordou o conselleiro, “o vacún de carne tamén foi un dos sectores máis prexudicados polo incremento dos custos de produción rexistrado a partires de 2021”.
Por iso, trasladou o titular de Medio Rural, “o primeiro instinto da Xunta foi botarlle a man a un eido produtivo fundamental para Galicia. Así, xa en xullo pasado se asinaba un convenio de colaboración co consello regulador da IXP que propiciou a posta en marcha desta campaña a nivel nacional, que se suma a outras medidas postas en marcha para remediar a situación vivida polo sector agrogandeiro en xeral durante este último ano”.
A Consellería tamén publicou unha liña de financiamento de circulante para explotacións de gando bovino, dotada con cinco millóns de euros para acadar os 25 millóns en préstamos concedidos. A estas medidas súmase o adianto de 200 millóns das axudas da PAC, así como as axudas directas e extraordinarias habilitadas por un importe superior aos 17 millóns de euros, que se articularon como anticipos de entidades bancarias.
Ademais, o conselleiro puxo en valor a Estratexia de dinamización do sector da carne de Galicia, que -anunciou- será presentada proximamente. Programa de Galicia Etiqueta Calidade
No que resta desta segunda edición de Galicia Etiqueta Calidade haberá diferentes mesas redondas sobre asuntos coma os retos e oportunidades no mundo da distribución de calidade, encontros entre expositores de denominacións de orixe e de indicacións xeográficas protexidas e responsables de empresas distribuidoras, degustacións e outras actividades relacionadas coa gastronomía e a despensa excelente de produtos galegos. No programa tamén se inclúen máis showcookings e foros sobre xantares responsables de calidade.