A campaña 'En bici ao Xograr' segue gañando adeptos
O primeiro padriño é o ciclista cordobés Alfonso Cabello, que compite en ciclismo adaptado nas modalidades de pista e ruta. Cabello, que gañou tres medallas nos Xogos Paralímpicos de Verán nos anos 2012 e 2016, fíxolle chegar ao instituto sarriano un vídeo no que trasladou a "ilusión" que lle fixo coñecer "esta fabulosa iniciativa", ao tempo que animou aos estudantes a apostar pola bici para os seus desprazamentos.
A CAMPAÑA
A campaña 'En bici ao Xograr' botou a andar o día 8 de marzo, dentro do Plan Proxecta ‘Mobilidade sostible e segura’ , co fin de promover o uso da bicicleta entre o alumnado, así como potenciar a creación de distintos camiños escolares seguros.
Cada semana, o instituto entrega pequenos agasallos a aquelas persoas que fixesen o desprazamento en bicicleta un mínimo de dous días na semana.
Para aqueles membros da comunidade educativa aos que lles resulte máis complicado ir ao centro en bicicleta, a campaña propón a realización dun percorrido alternativo. Trátase dun roteiro “case na súa totalidade en plena natureza e ideal para disfrutar en familia” na contorna natural das Aceas e duns 15 ou 20 minutos de duración.
As persoas que opten por esta ruta alternativa deben tomar fotografías e/ou gardar o percorrido a través dalgunha aplicación para medir a actividade e, deste xeito, poden recibir tamén os seus agasallos.