A campaña GALICIA SABE AMAR regresa a Paradela para promover o consumo de produtos do mar

A iniciativa GALICIA SABE AMAR, impulsada pola Xunta de Galicia desde o verán de 2021, volve este 2025 a Paradela co obxectivo de animar á cidadanía a consumir produtos do mar a través da retranca e dos dobres sentidos propios do humor galego. A proposta busca, ademais, fomentar a venda destes alimentos e poñer en valor o traballo dos profesionais da pesca e do marisqueo.
Nesta nova edición, a campaña percorre Galicia mediante catro foodtrucks que achegan o sabor das rías galegas a diferentes puntos da xeografía autonómica. En cada parada, as persoas que se acheguen poderán probar petiscos elaborados a base de produtos certificados tanto do mar como da terra.
Segundo informou a organización, o vindeiro mércores 16 de xullo unha destas foodtrucks visitará o municipio de Paradela, onde se instalará no Campo da Feira en horario de 11:00 a 15:00 horas. Durante esa franxa horaria, quen o desexe poderá degustar as propostas gastronómicas desta campaña, que combina promoción dos produtos locais coa reivindicación do saber facer do sector pesqueiro galego.