A canteira da SD Sarriana consolídase e aposta polo crecemento do fútbol base

SarriaXa
O club destaca o bo rendemento dos seus xogadores e confía en que as novas xeracións poidan nutrir o primeiro equipo nos próximos anos
equipos-canteira-SD-Sarriana
16 Oct 2025

A SD Sarriana afronta a tempada cunha estrutura de canteira consolidada e presente en todas as categorías do fútbol base, mostrando un crecemento constante tanto en número de equipos como en rendemento deportivo.

O club conta cun equipo sénior B que compite en Segunda Futgal, ademais dun conxunto xuvenil en Primeira, un cadete tamén en Primeira e dous equipos infantís —o A en Primeira Futgal e o B en Segunda—. Na categoría alevín, a Sarriana mantén tres conxuntos: o A en Primeira e os B e C en Segunda. Completan a estrutura os equipos benxamíns, co A en Primeira e os B e C en Segunda, e os prebenxamíns, onde o A milita en Primeira e o B en Segunda.

Desde o club valoran moi positivamente o papel dos rapaces nos últimos torneos, nos que tres equipos finalizaron terceiros e o resto amosaron un alto nivel competitivo. “Temos xeracións que compiten moi ben, hai nenos moi válidos que están aportando moito ao club, e esperamos que no futuro poidan nutrir ao primeiro equipo”, sinalan desde a dirección deportiva.

O obxectivo principal para esta campaña é manter a categoría en todos os niveis, aínda que non se descartan ascensos. “Se algún equipo pode subir, a prioridade é o xuvenil, pero tamén temos baixas por lesións que nos condicionan”, explican. Outro dos conxuntos con opcións de ascenso é o sénior B, que está a realizar unha gran campaña.

A entidade destaca especialmente a creación dun equipo sub-23 “moi bo”, formado por xogadores que pasaron polo fútbol base da SD Sarriana, e que representa a continuidade e o espírito formativo dun proxecto que segue medrando con solidez.

⚙ Configurar cookies
0.06503701210022