A Carpa de Nadal de Sarria énchese de creatividade con obradoiros infantís ata fin de ano

A programación de Nadal do Concello de Sarria continúa a apostar polo lecer educativo e participativo coa celebración dunha nova quenda de obradoiros infantís na Carpa de Nadal, situada na Praza da Vila. As actividades, dirixidas á cativada a partir de tres anos, terán lugar entre os días 26 e 30 de decembro, en horario de 11:30 a 13:30 horas, e estarán coordinadas por Barafunda Animación.
Durante cinco xornadas consecutivas, os máis pequenos poderán participar en propostas creativas e lúdicas que combinan manualidades, xogos e expresión artística cun marcado espírito festivo. O programa inclúe a elaboración de malabares con pompóns, caretas de pallaso, pallasos lanzadores, campás de Nadal, gravatas clown e varillas de cariocas, actividades pensadas para estimular a imaxinación e a destreza manual.
Ademais, todos os días haberá un espazo reservado para xogos tradicionais e circenses, ofrecendo unha alternativa de ocio activo que fomenta a convivencia e a participación entre nenos e nenas durante as vacacións escolares.
Desde o Concello de Sarria destacan que esta iniciativa forma parte do compromiso municipal por ofrecer unha programación de Nadal inclusiva, atractiva e adaptada ás familias, convertendo a Carpa de Nadal nun punto de encontro para gozar destas datas dun xeito creativo e divertido.