A carreira Xacorun contará con servizo gratuíto de autobuses entre Portomarín e Sarria

LugoXa | SarriaXa
A organización confirma horarios de saídas, entrega de dorsais e servizos para os participantes nesta quinta edición
presentación-Xacorun-2026
13 Mar 2026

A organización da carreira Xacorun, que percorrerá os concellos de Sarria, Paradela e Portomarín, anunciou os detalles de horarios e servizos previstos para os participantes nesta quinta edición da proba, que se desenvolverá este domingo, 15 de marzo.

Entre as novidades destaca a posta en marcha dun servizo gratuíto de autobuses desde Portomarín ata os puntos de saída das diferentes modalidades da carreira. Os autobuses partirán desde a parada situada xunto ao albergue Albergue Pons Minea.

Para os corredores da distancia de 23 quilómetros, o autobús sairá ás 08:15 horas con destino á saída situada diante do Concello de Sarria. Pola súa parte, os participantes da carreira de 10 quilómetros disporán dun transporte ás 09:30 horas cara á parroquia de Mirallos, onde comezará esta modalidade.

No caso da proba por relevos, cada participante deberá utilizar o autobús correspondente ao tramo que vaia disputar. Ademais, aqueles corredores que realicen o primeiro tramo de 13 quilómetros e entreguen o relevo en Mirallos terán un transporte que os trasladará de regreso a Portomarín.

As saídas das carreiras están previstas ás 09:30 horas no Concello de Sarria para a proba de 23 quilómetros e a modalidade de relevos, mentres que a carreira de 10 quilómetros arrancará ás 10:30 horas desde o albergue Casa Cruceiro.

A entrega de dorsais realizarase o domingo pola mañá. Os participantes na carreira de 23 quilómetros e na modalidade de relevos poderán recollelos entre as 08:30 e as 09:30 horas no Concello de Sarria. Pola súa parte, os corredores da distancia de 10 quilómetros poderán recoller o seu dorsal en Mirallos entre as 09:45 e as 10:30 horas.

A organización tamén habilitará un servizo de custodia de mochilas nos puntos de saída, que serán trasladadas ata a meta en Portomarín, onde se entregarán aos participantes mostrando o dorsal. Recoméndase non deixar obxectos de valor no interior.

Ao finalizar a carreira, os corredores disporán de duchas no pavillón polideportivo de Portomarín, situado a escasos metros da liña de meta.

Xunto coa recollida do dorsal entregarase tamén a camiseta conmemorativa desta terceira edición da Xacorun. No caso de non poder gardala antes da saída, os participantes poderán recollela posteriormente na zona de chegada.

En canto aos avituallamentos, os corredores da proba de 23 quilómetros contarán con puntos nos quilómetros 5, 12, 17 e na meta, mentres que os participantes da carreira de 10 quilómetros terán avituallamento no quilómetro 5 e na chegada, con froita, líquido e alimentos sólidos.

0.12819194793701