A Casa da Cultura acolle, a partir das 16.00 horas, as XVII Xornadas Xurídicas de Sarria ‘Román García Varela’

SarriaXa
Estas xornadas forman parte do programa de Formación Continua do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX)
xornadas-xuridicas-sarria-2023
12 Xuño 2024

As XVII Xornadas Xurídicas de Sarria ‘Román García Varela’, organizadas polo Concello e que forman parte do programa de Formación Continua do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), inauguraranse esta tarde, ás 16.00 horas na Casa da Cultura da localidade.

No acto intervirán o alcalde de Sarria, Claudio Garrido; a directora da UNED de Lugo, Ana Traseira; o responsable de Promoción Económica e Social da Deputación de Lugo, Pablo Rivera; o conselleiro de Xustiza, Diego Calvo; e o presidente do TSXG, José María Gómez y Díaz-Castroverde.

O fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, impartirá o relatorio inaugural do encontro, que se desenvolverá ata o 14 de xuño e no que se analizará a ciberseguridade e os delitos informáticos.

O expresidente do CXPX p.s. Rafael Mozo exercerá mañá de moderador da primeira mesa redonda das xornadas, na que Juan Antonio Xiol Ríos, exvicepresidente do Tribunal Constitucional, tratará os riscos e ameazas da ciberseguridade desde a perspectiva dun xurista; Marc Robinson, maxistrado de ligazón de Reino Unido en España, abordará os desafíos de manter a lexislación actualizada; e Ana María Gude Fernández, decana da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela, exporá se a Intelixencia Artificial constitúe unha ameaza para os dereitos fundamentais.

As xornadas, ás que asisten xuíces e xuízas de diferentes comunidades autónomas, están dirixidas polo letrado da Administración de Xustiza Román García-Varela Iglesias e polo catedrático de Dereito Mercantil Carlos Lema Devesa.

0.16800093650818