A Casa da Cultura de Sarria acolle esta tarde a obra de teatro 'O mundo de Martiña'
Esta tarde, ás 20.00 horas, a Casa da Cultura de Sarria acollerá a representación teatral de 'O mundo de Martiña' da man da compañía Bátega Teatro, Raquel López Cendán e Pedro Insua.
A obra representa a vida de Martiña, unha nena moi curiosa e espilida, mais hai cousas que non logra entender, como por exemplo que as súas opinións sexan menos importantes que as dos adultos, ou que teña que calar e obedecer a papá, a mamá, ao pai Edelmiro, á tía Amparo… cando é evidente o trabucados que están acotío. Iso de que estean Deus, o Ratiño Pérez, os Reis Magos ou o anxiño da garda observándoa para xulgar o seu comportamento e premiala ou castigala, tampouco lle acaba de gostar.
Na segunda metade do espectáculo, Martiña medra, afronta a regra, a paixón adolescente, a autoridade paterna ou o mundo laboral. Sorteará obstáculos e sacará conclusións a través dun monólogo teatralizado, musicado e entretecido con cancións nunha actuación de balde.