A Casa da Cultura de Sarria acolle unha exposición sobre Xela Arias
A Casa da Cultura de Sarria acollerá, desde esta tarde, a exposición 'Aquela nena de Sarria' dedicada á poeta Xela Arias. A mostra preséntase precisamente hoxe, xoves 4 de marzo, coincidindo coa data de nacemento da autora.
A mostra, composta por doce paneis, reflicte a época sarriana e lucense de Xela Arias, a súa querenza por Sarria e o rural, o seu vencello coa lingua galega e o empeño en que se recoñecese Xela como o seu nome real.
A exposición complétase con fotografías aportadas pola familia da poeta e por unha serie de debuxos da pintora Sabela Arias. Ademais inclúe poemas de alumnos dos institutos Xograr Afonso e Gregorio Fernández de Sarria, así como de compañeiros poetas do municipio e do resto de Galicia.
O colectivo Egeria organiza esta exposición, que terá carácter itinerante, coa colaboración do Concello de Sarria, a Consellería de Cultura e a Real Academia Galega. A recompilación levarase aos centros de ensino de Sarria para logo, despois do Día das Letras Galegas, iniciar o percorrido por outros concellos.