A Casa da Cultura de Sarria acollerá a estrea da serie documental 'Galicia diversa'

SarriaXa
O proxecto, no que colabora a Plataforma da Diversidade Funcional Infantil da Comarca de Sarria, contou coa participación de varias familias da localidade
serie-documental-Galicia-Diversa-en-Sarria
27 Mar 2025

O vindeiro sábado 5 de abril, a Casa da Cultura de Sarria acollerá a estrea pública da serie documental Galicia diversa, da plataforma Agalega.gal da TVG. O proxecto, no que colabora Diversa Infantil, a Plataforma da Diversidade Funcional Infantil da Comarca de Sarria, contou coa participación de varias familias da localidade.

No acto, ás ás 18.00 horas, intervirán o director da serie, Damián Varela, e o sarriao Manuel Darriba, director e guionista do proxecto. Ademais, tamén tomarán a palabra algúns dos protagonistas do programa, que comparten as súas experiencias persoais sobre a discapacidade e a diversidade funcional.

Desde Diversa Infantil, organizadora do evento, fan un chamamento á cidadanía para asistir á presentación deste proxecto tan especial, que ofrece unha ollada sen prexuízos á discapacidade e á diversidade funcional, permitindo sensibilizar e concienciar á sociedade sobre a importancia de incluír e respectar as diferenzas.

Ademais, a estrea coincide co #DíaMundialAutismo, e o mércores 2 de abril ás 11:00 horas terá lugar tamén a presentación da serie en Santiago de Compostela, no Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche.

Unha excelente oportunidade para coñecer de preto as realidades que afectan ás persoas con discapacidade e fomentar a inclusión social a través da cultura e a sensibilización.

⚙ Configurar cookies
0.45184707641602