A Casa das Arsenias será un novo fogar para a mocidade sarriá
O Concello de Sarria está a piques de culminar un importante proxecto de recuperación patrimonial e social no casco histórico coa rehabilitación da Casa das Arsenias.
Este edificio, practicamente en ruínas tras un incendio, foi transformado para albergar cinco apartamentos de alugueiro social destinados á mocidade, co obxectivo de revitalizar a zona antiga da vila e facilitar a emancipación da poboación nova.
O proxecto comezou en 2021, cando o grupo de goberno encargou a redacción do proxecto técnico e solicitou unha subvención ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS).
Esta subvención inicial, de 295.206,88 euros, cubría o 90 % do custo inicial previsto. Porén, durante a execución das obras xurdiron imprevistos técnicos que obrigaron a paralizar os traballos e a reformular o proxecto. O novo orzamento incrementouse ata os 439.611,82 euros, o que levou ao Concello a xestionar unha segunda subvención en 2023, por valor de 255.615,76 euros. Finalmente, o custo asumido polo Concello quedou en 183.996,06 euros.
As obras reiniciáronse en novembro de 2023 e está previsto que rematen en setembro de 2024. Grazas a este proxecto, Sarria recupera un edificio emblemático no corazón do casco histórico, ao tempo que se ofrecen novas solucións habitacionais para a xuventude.
O Concello expresou o seu agradecemento á empresa adxudicataria e ao persoal técnico e administrativo municipal polo seu esforzo e dedicación para sacar adiante esta obra.