A Casa Niño Faragulla de Samos abre o prazo de inscrición para o curso 2025-2026

SarriaXa
Poderán optar a praza todos os nenos e nenas de 0 a 3 anos, tendo preferencia aqueles empadroados no Concello de Samos
Casa-Niño-Faragulla-Samos
13 Mar 2025

A Casa Niño Faragulla, situada no municipio de Samos, abrirá do 17 ao 21 de marzo o prazo de inscrición para o curso 2025-2026. Durante esa semana, as familias interesadas poderán coñecer as instalacións e realizar a solicitude de praza para os seus fillos e fillas.

Este servizo, activo desde o ano 2021, está orientado á atención educativa de nenos e nenas de 0 a 3 anos en contornas rurais onde non existen outros recursos de atención á infancia. A Casa Niño Faragulla comparte espazo co CEIP de Samos, estando integrada nas instalacións do centro escolar.

O horario de atención ás familias é de 10.00 a 12.00 horas, sendo necesario solicitar cita previa. Para formalizar a solicitude, as familias deberán cubrir un formulario dispoñible nas propias instalacións da Casa Niño.

Poderán optar a praza todos os nenos e nenas de 0 a 3 anos, tendo preferencia aqueles empadroados no Concello de Samos. No caso de non cubrirse todas as prazas dispoñibles, poderán acceder tamén menores doutros concellos limítrofes.

Así mesmo, tamén terán prioridade as familias nas que ambos proxenitores ou titores legais estean traballando, co obxectivo de facilitar a conciliación da vida familiar e laboral.

A Casa Niño Faragulla continúa consolidándose como un recurso fundamental para o apoio ás familias do rural e a promoción do desenvolvemento infantil en contornas con menor oferta de servizos educativos para a primeira infancia.

⚙ Configurar cookies
0.52142405509949