A CHMS renova en Sarria a rede de saneamento
As obras que se están a levar a cabo na vila, forman parte dun proxecto da Confederación Hidrográfica Miño-Sil que inclúe melloras tanto na rede de saneamento de Sarria coma na estación depuradora de augas residuais (EDAR).
O obxectivo principal deste proxecto é o de dar solución ós problemas de funcionamento existentes ata o de agora. Búscase mellorar a caracterización e os procesos de depuración das augas residuais xeradas polo núcleo urbano de Sarria, evitando as verteduras sen tratamento adecuado que periodicamente se veñen producindo. Para isto, traballarase nun dobre ámbito: por un lado implementando unha serie de melloras na EDAR que permitan optimizar o seu rendemento e por outro, realizando obras de mellora e rehabilitación na rede de saneamento coa fin de reducir a incorporación de augas pluviais ó sistema e de infiltración en tempo seco.
Os traballos que teñen un prazo de execución doce meses e afectan a un total de trinta e catro fincas, contan cunha inversión total estimada en 3.000.000 euros IVE engadido. Veñen de dar comezo entre as rúas Greco e Campo do Río coa instalación dunha nova canalización e está previsto que continúen noutras zonas da vila para ter rematado a finais deste ano.
O que se busca con estas obras é paliar problemas xa existentes coma as infiltracións de auga da rede de saneamento que reducen a eficacia da EDAR ou a mellora dos seus equipos xa que tal e como afirma o propio alcalde da vila “ten moitos anos de funcionamento e algúns están obsoletos e amosan unha capacidade de depuración insuficiente para toda a poboación conectada á mesma. Ademais, a EDAR está situada nun terreo inundable o que xera verteduras e grandes problemas de explotación”.
Polo tanto, as obras centraranse fundamentalmente na mellora desta rede de saneamento mediante a substitución das conducións actualmente existentes ou da súa rehabilitación, así coma na eliminación de verteduras ó caudal dos ríos e na execución de dispositivos de regulación das augas de tormenta.