A CHMS rexeita as alegacións contra o proxecto de recuperación de Ponte Ribeira

SarriaXa
O organismo mantén a peonalización prevista e deixa en mans do Concello a procura dunha alternativa ao tráfico rodado
Ponte-Ribeira-en-Sarria
18 Feb 2026

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) desestimou as tres alegacións presentadas ao proxecto de posta en valor e consolidación dos restos de Ponte Ribeira, en Sarria. As reclamacións foron formuladas polo PP local, por un veciño da vila e pola artista María Carretero, autora do conxunto escultórico ‘Homenaje al Peregrino’.

No caso do grupo popular, solicitábase a apertura dun proceso de participación cidadá na toma de decisións sobre esta infraestrutura, así como a revisión da proposta para manter o tráfico rodado polo viaduto ou, cando menos, prever a construción dun paso ou viaduto alternativo tras a súa peonalización. O organismo de conca respondeu que xa se habilitou un período de información pública e, respecto á circulación de vehículos, sinala que será o Concello, como competente en materia de tráfico en Sarria, quen poida impulsar as actuacións que considere necesarias para ordenar a mobilidade na vila.

A CHMS apoia a súa decisión nun informe emitido por Patrimonio Cultural en febreiro de 2020 sobre a pasarela metálica, no que se apuntaba como solución a recuperación da ponte medieval mediante a eliminación de engadidos posteriores e a súa conversión en paso peonil.

Cos mesmos argumentos foron rexeitadas as alegacións presentadas por un particular, que pedía estudar a continuidade do tráfico entre ambas marxes do río. Tampouco prosperaron as dúbidas expostas sobre o uso de aceiro corten e sobre a solución prevista para o pretil. Unicamente se deixa aberta a posibilidade de recompilar información durante a execución das obras para tratar de localizar e recolocar cinco sillares de granito do estribo esquerdo que, segundo se apunta, foron retirados entre 2014 e 2015, circunstancia que a Confederación asegura descoñecer.

No que atinxe á alegación de María Carretero, a artista solicitaba a paralización do proxecto ata contar cun informe detallado sobre a posible afección á súa obra escultórica 'Homenaxe ao Peregrino'. Tamén reclamaba a conservación de todos os elementos que integran a obra, desde pavimentos ata varandas, luminarias e mobiliario, e a formalización dun convenio que a designase como directora artística da intervención. A CHMS tamén desbota esta petición, apoiándose na resolución de Patrimonio, que considera que a actuación prevista “potenciará a visión da escultura e do resto da obra artística”. Engade ademais que o titular da obra é o Concello, ao que corresponde facilitar os bens necesarios para executar os traballos.

Unha vez resoltas as alegacións, o proxecto continúa coa súa tramitación administrativa, aínda que o seu desenvolvemento efectivo non será inmediato. Na actualidade, Ponte Ribeira mantén a pasarela metálica instalada polo Concello en 2022 para permitir a reapertura do paso, tras permanecer preto de oito anos pechado.

A intervención prevista inclúe actuacións para recuperar a parte histórica da ponte, reparar danos estruturais e eliminar elementos engadidos en etapas recentes. O orzamento global ascende a 983.000 euros, aos que se suman 11.700 euros destinados ao estudo de seguridade e saúde e algo máis de 31.800 euros para a xestión de residuos. O prazo estimado de execución é de oito meses, cun período de garantía dun ano desde a recepción das obras.

A pesar de que o próximo mes de abril se cumprirán catro anos do prazo fixado pola Xunta na autorización concedida ao Concello para a pasarela metálica instalada en 2022, a solución definitiva para esta ponte do Camiño Francés non chegará, como mínimo, ata 2027, sempre que previamente se defina unha alternativa á circulación de vehículos, dado que o proxecto contempla a súa peonalización.

⚙ Configurar cookies
0.078758001327515