A CHMS saca a licitación das obras de saneamento da EDAR de Sarria
As obras de mellora do saneamento e a estación depuradora de augas residuais a EDAR de Sarria están máis cerca de comezar ao sacar a Confederación Hidrográfica do Miño Sil a súa licitación por 2,4 millóns de euros.
O prazo de execución dos traballos será de 12 meses e porán fin aos problemas e deficiencias existentes na rede e a Edar. O proxecto inclúe a substitución do colector da marxe esquerda do río Sarria desde a Rúa Calvo Sotelo ata a Rúa Greco e un tramo do colector xeral desde esta última ata o novo dispositivo de retención, que servirá para controlar o caudal de entrada á depuradora, executando así un total de 1.000 metros de colector. Na EDAR instalaranse novos equipos e actualizaranse os existentes para mellorar o seu funcionamento, tamén se prevé a construción dun pozo de grosos previo á estación de bombeo e a substitución da reixa automática por un tamiz de finos.
A CHMS tamén actuará no desarenados-desengrasador onde se renovarán os equipos e se instalará un novo cadro de subministración eléctrica e de automatización para estes equipos.
Debido ás alegacións realizadas polos veciños e o Concello durante a exposición pública do proxecto, modificouse e acordouse a construción dunha condución de vertedura da arqueta de alivio eliminándoa da súa localización actual.
Prevese que as obras comecen no actual ano e se estendan e rematen no 2023 empregando 1,4 millóns de euros durante este exercicio e reservando o outro millón para o seguinte.
O prazo de solicitude de ofertas por parte das empresas estará aberto ata o vindeiro 18 de abril.